24/10/09

HAI UNHA VERDADE




Xogo ás palabras. Asolagan pretéritos cando todo está acabado. Sen reparar nas marxes das follas e os ceos, non importa. Só golpeo teclados e oportunidades. é unha palabra totalitaria que se volve inoportuna cando quero dicirche tantas cousas. Unha vez, tentei derrubar os muros que construíra. Non cabía nin un gramo máis de honestidade naquelas pedras. Pero estaban alí, afundidas para sempre na terra que nos botamos por encima, até enterrar cada un dos silencios, pechando para sempre todo indicio de consecuencia futura.

Non quero falarche de tempos verbais. Non supós nada para hoxe, nin máis para mañá. Unha vez. Quixen evocarte unha vez, volver ser a túa pequena peza de alabastro, venderme, apostar porque todo se *reunificara nunha soa materia, un conxunto de cousas que aínda non teñen nome.

Tampouco sei o que che estou dicindo. Agora, neste tempo verbal percibo unha dose ínfima de rancor, unha marea de historias podrecidas, lodos aos pés da cama como tantas outras veces, e ese xesto que supón o describirte, cando xa o dixen todo sobre ti. Parece que nunca sairás da miña vida. Pero non é certo.

O aire pode volver entrar en calquera momento. As mans son capaces de soltarse de calquera superficie rugosa e quente. Non queiras ser unha persoa inxenua. Sabes, mellor que eu, que unicamente hai unha verdade. E non é a túa.

16/10/09

SAGAS




Os sons que representan a loita prohibida
emanan das ventás. Son voces que me engaden na lista de humanos
escorrentan calquera diferencia, o sentirse dentro,
perpetrar unha ecuación perfecta de continuidade,
a vida.

15/10/09

OS AMANTES


[A ilustración é unha creación da artista María Sánchez]



Evitamos desfavorecernos, meu neno
mais eras ti o que volvía sempre
o fusilamento do acordado nos pratos do almorzo
a xenialidade no reverso da roupa, desacougada
esa sensación de volver a empezar o inacabado.
Non había nada malo na canción que soaba
o día que decidimos evitar os sons
unha fortuíta simpleza impregnaba o día
de esperpentos e aloumiños calcinados, cada historia
estrangulada
e esas mans, apertando os silencios que debías.

Falo dos amantes. Da revolución desde unha cama.

23/09/09

ISTO É UN DESEXO



Desexo ferventemente sorberche os sesos
percibir a capacidade de esquecemento que adoeces
o involuntario dos teus impulsos, que fan de ti
unha especie de caladoiro de soños.
Agora esmoreces de silencios, máis daquela
eras o conxunto de notas que facían unha etnografía perfecta
eras un conxuro que fixo de min a perfecta persoa
incapaz de se auto avaliar
lonxe dos fíos que colgaban dos teus beizos,
dos puntos suspensivos que esparexías polo río
contaxiando a humanidade de intereses propios dun rei midas
tramando segredos, camiños furtivos, calorías de canela
unha luz
transformando en nada,
a inoportuna certeza de sabérmonos SOS.

25/08/09



[Niño y Fantoche, de Miguel Ángel Bustos]


Non hai un tempo para as palabras. As letras non entenden de estacións, ou alomenos non din nada. Un día descubro que non teño capacidade para as controlar, nin moito menos. E vexo que hai outros e outras neste mundo, que as utilizan dun xeito máis honrado, máis verdadeiro. É o caso de M. Conocina esta semana. Díxenlle: "tes que intentar sintetizar, contarme a túa vida en pouco máis dun minuto". É o tempo que lle dín, e fíxoo. Despois quixen quedar moito máis con ela. Contoumo todo, as circunstancias vitais que a elixiron desde a infancia. A tristeza que a fixo afondar en problemas, ata chegar á rúa. A rúa, o lugar no que as persoas se separan aínda máis das outras persoas. Donde os cartos (e outras cousas) cobran a importancia que nunca deberan ter. Ela mesma asegura que "os outros" a ven como unha rata á que queren matar. Ninguén coñece nada da súa mirada sobre a vida, ninguén a escoita, ninguén considera que pode ser útil a unha sociedade baleira. Ten proxectos, ten algo que aportar, e un don que lle permite escoller as palabras dun xeito perfecto para se expresar, e uns ollos que azulean todo o espazo, que oscurecen unha parte do día (o día xa non volve ser o mesmo).

Neste intre,
remexo nas ideas para atopar as palabras axeitadas. Non as hai. Na intimidade dunha casa, coas ventás pechadas para que non entren viruxes nin ratas, para non oír o run run da pizzería, nin o choro do bebé que ten fame, nestre intre, nesta noite, percibo unha sensación momentánea de pánico. Sinto que non estou soa, que algúen me acompaña.

Finalmente conclúo que o que me aterra é a escuridade interior. Esa negrura que o azulea todo, cando me xulgo e non atopo as palabras para me defender. Cando son eu, no lugar de ser quen quero ser.

18/06/09

CIRTULANIA


[Jerico Santander. "Sometimes we all fall"]




Das palabras quedaron so uns restos tirados polo chan
adormecida a cidade Cirtulania
como tódolos ollos
pechadas as pálpebras contra si
como xuramentos internos dos que intentan evitar catástrofes.

Pola beira dos beizos camíñanche serpes
ti non o sabes
pero estás maldito. Nunca máis abrirás os brazos á consolación.
Nin sequera cando eu te chame. Nin sequera cando o ceo che regale
primaveras.

Ti non o sabes. Pero son todos xestos baldíos do destino
para te animar
para que non quedes vivo nunha ánima, condenado a verme sempre
a agarráreste ó tempo dun xeito consumista.

Cirtulania era un lugar encantado de permisividade
unha forma de sentíresme forma, de pertencer a unha identidade
severa.
Agora, desde unha perspectiva cravada noutros ollos
xa non son quen de me recoñecer. Xa percorro a capacidade de me
auto-xulgar
os desexos evolucionaron noutros campos, son outras materias
se cadra máis complicadas, menos enxebres de mitos.

Unha vez Cirtulania converteuse naquela cidade maldita.
Pero agora, situada no epicentro doutra vida dou en bater
contra os muros de titanio que a crearan
contra esa siniestralidade que esmorece as veas, os centauros,
a pasividade do que non sabe a onde vai.
A cidade permitía rebater verdades. No laminado poroso das palabras,
do idioma que falaba, tiven a oportunidade de te matar.

Mais non quixen facelo.

15/05/09

POEMAXE 1

27/04/09

MUTACIÓN


[Jerry Uelsmann, Symbolic Mutation,1961]


A longo prazo, a mutación pode ser esencial para a nosa existencia. Sen o cambio que conleva, a vida non pode andar para adiante. Sen transformacións xenéticas, quedariamos estancados nunha especie de burbulla, algo así como os fetos que infra-viven sumerxidos en botes de formol.

A ciencia ficción dotouse de numerosos casos de mutacións, que acabaron por traspasar fronteiras e instálaronse de cheo na conciencia social. A serie de finais dos 60, "Los Invasores", presentaba a uns extraterrestres adaptados ó aspecto humano, que só podían distinguirse por pequenos detalles (véxase que non tiñan pulso, nin moito menos corazón. Pero ademáis non podían mover o dedo meñique, debido a un fallo na mutación).



De ahí, á creenza común de que o dedo meñique do pé vai desaparecer pasadas unhas poucas xeracións, non hai nada. Xa todos asumimos que esa insignificancia de dedo, polo demáis bastante feo, non serve en absoluto. Quizais axude un pouco ó equilibrio, pero pouca cousa. O dedo esmagado polos outros dedos, está condenado a pasar ós anais da historia.

Mentres non o fai, descubro que existen humanos ousados e coas ideas claras. Atopei un, en concreto, que decidiu mutar antes do previsto, antes que ninguén, e auto-dotarse de tres orellas (unha a maiores das dúas que a natureza lle regalou). Para escoitar mellor. Aínda que el afirma que o fixo por arte. E para que a transformación sexa perfecta, Stelarc dotará á súa nova orella dun micro, para que todos poidan escoitar o que escoita a súa orella.



Non é un trabalinguas. É a realidade deste século. E hei de recoñecer que me ilusiona pensar que no futuro, posiblemente poida dispor de vinte ollos ou de catro corazóns.